quenes somos

Famiescolas é un proxecto galego que pretende axudar ás familias a crear un ambiente familiar positivo. É unha aposta clara polo Ensino Público que nace para ofrecer asesoría especializada a quen máis o necesita. Pretendemos cubrir un baleiro tanto na programación da educación pública como na carteira de servizos de inclusión que a sociedade ofrece á familia.

Tódalas familias precisan axuda nalgún momento determinado, polo que a creación de escolas de familias convértese nun servizo de apoio universal e un factor clave de xustiza social. Isto, ademais, dalgo obvio é unha esixencia legal que parte da Unión Europea. En España, a Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de Protección Integral á Familia e á Adolescencia fronte á Violencia, en liña coa Comisión Europea, 2013 e o Consello de Europa, 2006, resalta a importancia da formación aos pais e nais.

Ser pais e nais é un reto. Require de responsabilidade individual por parte de cada unha das familias e responsabilidade compartida por parte dos axentes sociais e políticos. O proxecto Famiescolas pretende ser un nexo de unión entre estas dúas esferas. Para elo apoiámonos nos programas de parentalidade positiva e inspirámonos nos abundantes traballos internacionais que achegaron evidencia científica neste eido.

Identificar as fortalezas e debilidades das familias é un piar básico da formación parental. Nas sesións partimos dunha valoración inicial e concluímos cunha valoración final. Levamos a evidencia científica ao noso traballo, á vez que contribuímos, modestamente con cada famiescola que poñemos en marcha, a consolidar e incrementar o acervo científico sobre a parentalidade positiva.

Animamos ás entidades de goberno autonómico, provincial e local a que aposten por servizos que axuden ás familias no reto diario de ser proxenitores. Non só contribuirán a evitar a sobresaturación nos servizos sociais de axuda ás familias vulnerables, senón a crear importantes redes de apoio entre as propias familias e mesmo a fortalecer vínculos estables con servizos como os espazos culturais e deportivos comunitarios. Contribuirán, en suma, a poñer o seu “grao de area” para construír unha comunidade máis xusta e solidaria dende o presente e coa vista posta no futuro. Porque xustamente iso é a educación pública.

Verónica Sánchez Suárez